Sunday 28 de April de 2024

O Concello de Lousame pon en marcha un novo programa de compostaxe no que repartirá 175 composteiros entre a veciñanza


As persoas interesadas en solicitar o seu composteiro poderán facelo de forma gratuíta no Concello

Lousame adquirirá unha biotrituradora móbil para xestionar os restos de poda que se xeran no municipio e reducir así as queimas

O Concello de Lousme vén de poñer en marcha un novo programa de compostaxe no que repartirá de balde entre a veciñanza un total de 175 composteiros domésticos e instalará os que serán os primeiros centros de compostaxe comunitaria. Así mesmo, adquirirá unha biotrituradora móbil que permitirá xestionar a elevada cantidade de restos de poda que se xeran en todo o termo municipal, contribuíndo a reducir as queimas.

Unhas actuacións que o Concello lousamiá realizará ao abeiro da convocatoria 2020 das axudas do Plan de impulso ao medio ambiente (Plan PIMA) do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. O financiamento obtido a través desta convocatoria permitirá cubrir o 80% do custe total do programa de compostaxe deseñado polo concello de Lousame, o resto será asumido con fondos propios.

Accións formativas

A adquisición destes equipamentos completarase co desenvolvemento de accións formativas e informativas sobre os beneficios da compostaxe e o uso dos composteiros domésticos e comunitarios. Neste senso, o Concello comezou a desenvolver esta campaña informativa onte mércores, coa celebración dunha xuntanza no local social do Sanguiñal na que participaron medio cento de veciños e veciñas. Unha reunión que se repetirá hoxe xoves, ás 20:00 horas, nas mesmas instalacións municipais.

Así mesmo, todos os veciños e veciñas de Lousame que estean interesadas en solicitar o seu composteiro deberán poñerse en contacto co concello para inscribirse no programa de compostaxe. Ademais de recibiren o composteiro de forma totalmente gratuíta, as persoas inscritas recibirán unha formación sobre a súa montaxe e uso.

Finalmente, está tamén prevista a realización dunha visita de seguimento a cada unha das vivendas obxecto de actuación do programa. Esta visita está programada para realizarse no próximo outono e, durante o transcurso da mesma, o persoal técnico responsable do proxecto resolverá as incidencias detectadas, así como as dúbidas que se lle formulen dende a veciñanza.

Compostaxe comunitaria

Por outra banda, no que respecta á compostaxe comunitaria, o Concello de Lousame está a selección a localización dos tres centros de compostaxe comunitaria que se instalarán. En principio, prevese que os principais usuarios destes centros sexan os grandes produtores de restos de comida no municipios, tales como o CPI Cernadas de Castro e restaurantes.

O tenente de alcaldesa de Lousame, Ramón Martínez, asistiu á reunión de onte no Sanguiñal e explicou que “todas estas accións perseguen o obxectivo de mellorar a xestión dos residuos orgánicos domésticos que se xeran en Lousame, así como avanzar no cumprimento dos obxectivos de reciclaxe impostos pola normativa actual”. Ademais, indicoulles aos veciños e veciñas presentes que “o uso da compostaxe leva asociados importantes beneficios ambientais, entre os que cabe destacar a recuperación dos nutrientes presentes nos residuos e a súa transformación en compost, un fertilizante natural que podedes empregar nos xardíns e hortas”.